lunes, 27 de septiembre de 2010

Por un ensino de calidade.

Os días 10 e 17 de setembro iniciouse un dos curso máis conflitivos en Educación Primaria e Secundaria, Formación Profesional, Ensinanzas Artísticas e Idiomas, respectivamente, por mor da actitude da Consellaría de Educación. Esta actitude consiste en recortar postos de traballo no ensino público, como xa viña acontecendo o curso anterior, especialmente nas Escolas Oficiais de Idiomas, pero que se fixo moito máis patente no inicio do presente, posto que estes recortes tiveron, e seguen a ter como consecuencia que o alumnado non poida acceder a unha educación de calidade por mor das aulas masificadas, ou directamente non poder acceder á educación, como aconteceu nas unitarias de Ombre e Boebre, no concello coruñés de Pontedeume.
Nas Escolas Oficiais de Idiomas pode suceder, como no caso da Extensión de Lalín, que non cheguen a publicarse as baixas, e que se teñan que refacer horarios para cubrir o posto dunha persoa en licencia por estudios polos seus compañeiros, e non por unha persoa interina ou substituta, como sería o habitual. Ademais disto, a desaparición das clases complementarias nas Escolas de Idiomas tamén elevou o número de prazas recortadas neste corpo nos últimos dous cursos.
Case todos os centros de Educación Secundaria de Galicia tiveron que reducir o número de profesionais da súa plantilla ó ter que adaptar os seus recursos ó exixido pola Consellería de Educación, provocando así que nos atopemos con aulas de 30 ou máis alumnos, algo que a Consellería nega, apoiándose en que os repetidores non contan dentro do novo grupo.
Nestes dous últimos cursos, ademais dos recortes de prazas atopámonos con que as xubilacións que se están a producir non se están cubrindo na súa totalidade, pois coñecemos o caso dalgún centro no que se xubilaron dous profesores de matemáticas pero non se lle adxudicou ningunha desas prazas a un novo funcionario numerario ou interino.
Tamén temos recibido queixas dalgún pai ou nai que non entende como o responsable en materia de educación escatima recursos para que os seus fillos e fillas avancen academicamente, pois contrata a profesorado non especialista para impartir materias afíns sen requisito previo do coñecemento desa afín.
Denunciamos que esta situación pode perxudicar gravemente á convivencia nos centros e ó alumnado, pois xa varios equipos directivos presentaron as súas dimisións e outros centros, xunto coas asociacións de nais e pais, están levando a cabo mobilizacións para protestar contra os recortes no ensino público.
Os recortes levados a cabo pola Consellería son: a supresión da Educación permanente de adultos en máis de 50 centros de Secundaria, a supresión de ciclos formativos en máis de 20 centros, e en Primaria, a supresión de 19 centros escolares, supresión de 79 unidades e, por tanto, de 108 postos en Infantil e Primaria, non cobertura de substitucións, ou non cobertura de postos que corresponden por catálogo, ademais da supresión de cerca de 700 interinos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario