lunes, 27 de septiembre de 2010

Por un ensino de calidade.

Os días 10 e 17 de setembro iniciouse un dos curso máis conflitivos en Educación Primaria e Secundaria, Formación Profesional, Ensinanzas Artísticas e Idiomas, respectivamente, por mor da actitude da Consellaría de Educación. Esta actitude consiste en recortar postos de traballo no ensino público, como xa viña acontecendo o curso anterior, especialmente nas Escolas Oficiais de Idiomas, pero que se fixo moito máis patente no inicio do presente, posto que estes recortes tiveron, e seguen a ter como consecuencia que o alumnado non poida acceder a unha educación de calidade por mor das aulas masificadas, ou directamente non poder acceder á educación, como aconteceu nas unitarias de Ombre e Boebre, no concello coruñés de Pontedeume.
Nas Escolas Oficiais de Idiomas pode suceder, como no caso da Extensión de Lalín, que non cheguen a publicarse as baixas, e que se teñan que refacer horarios para cubrir o posto dunha persoa en licencia por estudios polos seus compañeiros, e non por unha persoa interina ou substituta, como sería o habitual. Ademais disto, a desaparición das clases complementarias nas Escolas de Idiomas tamén elevou o número de prazas recortadas neste corpo nos últimos dous cursos.
Case todos os centros de Educación Secundaria de Galicia tiveron que reducir o número de profesionais da súa plantilla ó ter que adaptar os seus recursos ó exixido pola Consellería de Educación, provocando así que nos atopemos con aulas de 30 ou máis alumnos, algo que a Consellería nega, apoiándose en que os repetidores non contan dentro do novo grupo.
Nestes dous últimos cursos, ademais dos recortes de prazas atopámonos con que as xubilacións que se están a producir non se están cubrindo na súa totalidade, pois coñecemos o caso dalgún centro no que se xubilaron dous profesores de matemáticas pero non se lle adxudicou ningunha desas prazas a un novo funcionario numerario ou interino.
Tamén temos recibido queixas dalgún pai ou nai que non entende como o responsable en materia de educación escatima recursos para que os seus fillos e fillas avancen academicamente, pois contrata a profesorado non especialista para impartir materias afíns sen requisito previo do coñecemento desa afín.
Denunciamos que esta situación pode perxudicar gravemente á convivencia nos centros e ó alumnado, pois xa varios equipos directivos presentaron as súas dimisións e outros centros, xunto coas asociacións de nais e pais, están levando a cabo mobilizacións para protestar contra os recortes no ensino público.
Os recortes levados a cabo pola Consellería son: a supresión da Educación permanente de adultos en máis de 50 centros de Secundaria, a supresión de ciclos formativos en máis de 20 centros, e en Primaria, a supresión de 19 centros escolares, supresión de 79 unidades e, por tanto, de 108 postos en Infantil e Primaria, non cobertura de substitucións, ou non cobertura de postos que corresponden por catálogo, ademais da supresión de cerca de 700 interinos.

jueves, 16 de septiembre de 2010

COMEZA O CURSO EN SECUNDARIA CON 254 POSTOS DE PROFESORADO SEN CUBRIR

Mañá día 17 comezan as clases no ensino secundario, formación profesional e ensinanzas de réxime especial a falta de 254 prazas de profesores sen cubrir.
A volta ó curso está resultando máis accidentada do habitual, posto que máis de cen mil alumnos e alumnas de educación secundaria, formación profesional, escolas de idiomas ou conservatorios poderán estar sen profesor os seus primeiros días nas aulas.
Moitos destes postos que están sen cubrir son baixas por maternidade ou baixas por enfermidade que se poden alongar no tempo.
Desde a Plataforma de Protesta de Educación denunciamos que a Consellería de Educación non está prevendo un inicio de curso normal, pois os recortes feitos nos centros farán que o profesorado de garda sexa insuficiente para cubrir as aulas e atender ó alumnado mentres non se nomee ó persoal correspondente para cubrir estas necesidades, e que previsiblemente non se cubrirán ata o luns ou o martes da próxima semana.
Este inicio de curso non é o habitual, xa que en anos anteriores se nomeaba a persoal interino ou substituto coa data de inicio do curso para que estas situacións non acontecesen.
Ademais, queremos denunciar que os mencionados recortes feitos pola Consellería de Educación van levar consigo un deterioro considerable da calidade do ensino público, xa que se está a adxudicar prazas a profesorado non especialista, como acontece no caso do funcionarios en prácticas de primaria, que das máis de 200 persoas que aprobaron este ano por esta especialidade, terán que cubrir postos de outras como Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, Música ou idiomas, sen requisito previo de titulación, e só 3 funcionarios en prácticas o farán pola especialidade á que opositaron.
En canto ó ensino secundario, esta política de recortes ten como resultado que tanto funcionarios en prácticas como en expectativa de destino teñan que impartir aulas de unha, dúas ou incluso tres materias afíns ademais da propia, o que conleva unha perda da calidade do ensino polos mesmos motivos que mencionamos anteriormente.
Desde a Plataforma de Protesta da Educación imos levar a cabo unha concentración o día 27 de setembro ás 11,30 diante da Consellería para exixir que se replanteen esta política que só conseguirá mermar a calidade do ensino públíco.

miércoles, 8 de septiembre de 2010

Decisions tomadas na reunión de hoxe

Ben, hoxe eramos poucos, pero con moitas ganas. Aí van os temas que tratamos:
- Creación dunha asociación en nome da plataforma, xa que consideramos que ten máis peso deste xeito que persoa a persoa. Estivemos dacordo con isto. Cando teñamos os estatutos colgaremolos no noso blog.
- Data para a concentración. Aquí queremos opinións de todo o mundo. Ten que decidirse antes do luns, e non podería ser antes do 23, xa que desde a Delegación do Goberno Civil nos din que hai que avisar entre 10 e 15 días antes, mínimo. Para isto necesitamos contar con moita xente, pois se a solicitude vai a nome dunha soa persoa, non a teñen moi en conta e soe vir denegada, e se somos 10-20 persoas as que a solicitamos é moito máis doado de conseguir (especialmente mentres a asociación non estea en marcha).
- Falamos tamén de solicitar unha entrevista co Conselleiro, así como cos representantes de educación dos distintos partidos políticos, e co Valedor do pobo.
-Tamén decidimos enviar o noso manifesto ós centros e un par de follas para a recollida de sinaturas, así como un anuncio da nosa concentración, para conseguir o maior número de apoios.
- O día que se faga a concentración, algún de nós adicarase a repartir unhas cuartillas coa información básica do que reclamamos, e, se podemos, tamén recoller sinaturas nese momento. Unha información básica que debería ir na cuartilla é a dirección da plataforma de recollida de sinaturas.
Se tedes algunha outra idea, facédenola chegar.