jueves, 16 de septiembre de 2010

COMEZA O CURSO EN SECUNDARIA CON 254 POSTOS DE PROFESORADO SEN CUBRIR

Mañá día 17 comezan as clases no ensino secundario, formación profesional e ensinanzas de réxime especial a falta de 254 prazas de profesores sen cubrir.
A volta ó curso está resultando máis accidentada do habitual, posto que máis de cen mil alumnos e alumnas de educación secundaria, formación profesional, escolas de idiomas ou conservatorios poderán estar sen profesor os seus primeiros días nas aulas.
Moitos destes postos que están sen cubrir son baixas por maternidade ou baixas por enfermidade que se poden alongar no tempo.
Desde a Plataforma de Protesta de Educación denunciamos que a Consellería de Educación non está prevendo un inicio de curso normal, pois os recortes feitos nos centros farán que o profesorado de garda sexa insuficiente para cubrir as aulas e atender ó alumnado mentres non se nomee ó persoal correspondente para cubrir estas necesidades, e que previsiblemente non se cubrirán ata o luns ou o martes da próxima semana.
Este inicio de curso non é o habitual, xa que en anos anteriores se nomeaba a persoal interino ou substituto coa data de inicio do curso para que estas situacións non acontecesen.
Ademais, queremos denunciar que os mencionados recortes feitos pola Consellería de Educación van levar consigo un deterioro considerable da calidade do ensino público, xa que se está a adxudicar prazas a profesorado non especialista, como acontece no caso do funcionarios en prácticas de primaria, que das máis de 200 persoas que aprobaron este ano por esta especialidade, terán que cubrir postos de outras como Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, Música ou idiomas, sen requisito previo de titulación, e só 3 funcionarios en prácticas o farán pola especialidade á que opositaron.
En canto ó ensino secundario, esta política de recortes ten como resultado que tanto funcionarios en prácticas como en expectativa de destino teñan que impartir aulas de unha, dúas ou incluso tres materias afíns ademais da propia, o que conleva unha perda da calidade do ensino polos mesmos motivos que mencionamos anteriormente.
Desde a Plataforma de Protesta da Educación imos levar a cabo unha concentración o día 27 de setembro ás 11,30 diante da Consellería para exixir que se replanteen esta política que só conseguirá mermar a calidade do ensino públíco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario