jueves, 26 de agosto de 2010

Nota de prensa

Dende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e desde UXT e CSIF acaban de confirmarnos que este ano as listas de interinidades e substitucións que se van a elaborar nestes días, vanse ordenar seguindo un criterio distinto ó de anos anteriores, tendo en conta unicamente a nota obtida na fase de oposicón nos procesos selectivos, cando nestes últimos anos o criterio seguido baseábase na nota global do concurso-oposicón, isto é, tomábase en conta a nota da oposición ponderada e o baremo de méritos ponderado e sumado, e só se tiña en conta a nota da oposición e das distintas partes como criterio de desempate á hora de refacer as listaxes.


Como toda a política que está levando a cabo a actual Consellería, este criterio non foi publicado nin posto en coñecemento dalgún dos sindicatos, polo que poderiamos falar de ocultación e manipulación de datos. Este novo criterio vai en contra do que di o Real Decreto 276/2007, do 23 de febreiro, no artigo 27, que fala da confección das listas, que estipula que se ordenarán conforme á puntuación obtida no procedemento selectivo, o que implica tamén a fase de concurso, e non só a fase de oposición. Tamén fala de criterios de desempate, no artigo 26.2, que di que, no caso de empate, primeiro miraríase a nota da oposición e despois a de concurso, en cada un dos seus apartados e subapartado. Isto tamén se faría coas notas da fase de oposición (en caso de empate en nota, miraríase a nota de cada un dos exercicios).

O Texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias, publicado no DOG do 19 de maio do 2010, fala tamén de cualificación obtida nos procedemento selectivos, polo que se debería incluir tamén a nota do concurso-oposición, e non só a da fase de oposición.

A Addenda do 2010 di na súa modificación ó punto 4 do acordo do 20 de xuño de 1995 que as listas "...ordenarase, para os efectos de prioridade na elección, por especialidades e dentro de cada especialidade por bloques, de acordo co número de exercicios superados; dentro destes bloques, pola puntuación resultantes da fase de oposición, unha vez realizada a ponderación prevista no Real Decreto 276/2007, do 23 de febreiro.", o que implica que deberían ponderar a nota da oposición e do concurso. A mencionada addenda apela á Consellería para argumentar esta repentina decisión, debido a certa ambigüidade na redacción deste punto, e foi asinada e publicada no DOG o 19 de maio do 2010, con posterioridade a publicación da convocatoria das oposicións 2010.

A execución desta medida supón ademáis empregar dúas baras de medir distintas dentro dun mesmo proceso de oposición: un sistema baseado na nota de oposición ponderada máis baremo para acceder a unha praza, e logo un sistema de nota única sen baremo aplicada na lista dos non-aprobados

O resultado deste novo criterio perxudica seriamente á xente que está optando a unha praza da función pública durante o sistema de acceso transitorio que marca a LOE na súa disposición transitoria decimosétima sobre o acceso á función pública docente, e que ten en conta, ademais da experiencia previa, a formación do profesorado, polo que xente con máis formación académica quedará nun posto que probablemente non lle permita o acceso a un posto de traballo durante o vindeiro curso 2010/2011.

Desde a Plataforma de Protesta de Educación queremos amosar o noso desacordo con este novo criterio que perxudica a aqueles opositores cun amplo currículo de formación académica e profesional, en detrimento daqueles que carecen da mesma, e tamén pola actitude desta Consellería á hora da toma de decisións, posto que nos periodos vacacionais, en especial no mes de agosto, é moi difícil contactar co profesorado e organizar unha protesta contra este criterio arbitrario.

Ademais disto, a Consellería segue a menospreciar á CIG, sindicato que ten unha maioría de afiliados na educación, ó non poñer en coñecemento dos seus representantes esta grave modificación, xa que altera notablemente as condicións de acceso a unha substitución ou interinidade no sistema educativo público galego

Ademáis disto, consideramos que os recortes que está levando a cabo esta Consellería perxudican enormemente o sistema educativo galego, pois esta medida forzará a unificación de grupos e a masificación das aulas, poñendo en serio perigo os principios de atención á diversidade establecidos na Orde do 6 de setembro do 2007.



A Plataforma de Protesta de Educación ten un perfil en facebook desde o 12 de agosto, e conta xa con algo máis de 300 amigos. Esta plataforma tamén está levando a cabo unha recollida de sinaturas online para protestar polas medidas e políticas educativas da Consellería de Educacíon e Ordenación Universitaria.

3 comentarios:

  1. Bueno, somos novatos neste tema, así que esperamos que entendades que a redacción non sexa perfecta. Seguramente había cousas que se podían decir mellor, doutra maneira, ou máis claramente, pero tamén esperamos que saibades entender a nosa inexperiencia.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. Solidarízome coa xente que empezou estiano, se informou do xeito en que os habían baremar e actuaron en consecuencia, perdendo seguramente tempo e cartos, e agora lles dan nos fuciños con este cambio a deshora. Non se pode competir honestamente se non se saben as regras do xogo.

    ResponderEliminar
  3. Totalmente dacordo, Lupe. Pero parece que a cousa pode chegar a solucionarse, xa que, según publicaba onte o Faro de Vigo, a Consellería está consultando co equipo xurídico se se pode volver atrás ese punto da addenda. Esperemos que así sexa, aínda que, vendo como as gasta este goberno, non sei que dicir...

    ResponderEliminar