lunes, 27 de septiembre de 2010

Por un ensino de calidade.

Os días 10 e 17 de setembro iniciouse un dos curso máis conflitivos en Educación Primaria e Secundaria, Formación Profesional, Ensinanzas Artísticas e Idiomas, respectivamente, por mor da actitude da Consellaría de Educación. Esta actitude consiste en recortar postos de traballo no ensino público, como xa viña acontecendo o curso anterior, especialmente nas Escolas Oficiais de Idiomas, pero que se fixo moito máis patente no inicio do presente, posto que estes recortes tiveron, e seguen a ter como consecuencia que o alumnado non poida acceder a unha educación de calidade por mor das aulas masificadas, ou directamente non poder acceder á educación, como aconteceu nas unitarias de Ombre e Boebre, no concello coruñés de Pontedeume.
Nas Escolas Oficiais de Idiomas pode suceder, como no caso da Extensión de Lalín, que non cheguen a publicarse as baixas, e que se teñan que refacer horarios para cubrir o posto dunha persoa en licencia por estudios polos seus compañeiros, e non por unha persoa interina ou substituta, como sería o habitual. Ademais disto, a desaparición das clases complementarias nas Escolas de Idiomas tamén elevou o número de prazas recortadas neste corpo nos últimos dous cursos.
Case todos os centros de Educación Secundaria de Galicia tiveron que reducir o número de profesionais da súa plantilla ó ter que adaptar os seus recursos ó exixido pola Consellería de Educación, provocando así que nos atopemos con aulas de 30 ou máis alumnos, algo que a Consellería nega, apoiándose en que os repetidores non contan dentro do novo grupo.
Nestes dous últimos cursos, ademais dos recortes de prazas atopámonos con que as xubilacións que se están a producir non se están cubrindo na súa totalidade, pois coñecemos o caso dalgún centro no que se xubilaron dous profesores de matemáticas pero non se lle adxudicou ningunha desas prazas a un novo funcionario numerario ou interino.
Tamén temos recibido queixas dalgún pai ou nai que non entende como o responsable en materia de educación escatima recursos para que os seus fillos e fillas avancen academicamente, pois contrata a profesorado non especialista para impartir materias afíns sen requisito previo do coñecemento desa afín.
Denunciamos que esta situación pode perxudicar gravemente á convivencia nos centros e ó alumnado, pois xa varios equipos directivos presentaron as súas dimisións e outros centros, xunto coas asociacións de nais e pais, están levando a cabo mobilizacións para protestar contra os recortes no ensino público.
Os recortes levados a cabo pola Consellería son: a supresión da Educación permanente de adultos en máis de 50 centros de Secundaria, a supresión de ciclos formativos en máis de 20 centros, e en Primaria, a supresión de 19 centros escolares, supresión de 79 unidades e, por tanto, de 108 postos en Infantil e Primaria, non cobertura de substitucións, ou non cobertura de postos que corresponden por catálogo, ademais da supresión de cerca de 700 interinos.

jueves, 16 de septiembre de 2010

COMEZA O CURSO EN SECUNDARIA CON 254 POSTOS DE PROFESORADO SEN CUBRIR

Mañá día 17 comezan as clases no ensino secundario, formación profesional e ensinanzas de réxime especial a falta de 254 prazas de profesores sen cubrir.
A volta ó curso está resultando máis accidentada do habitual, posto que máis de cen mil alumnos e alumnas de educación secundaria, formación profesional, escolas de idiomas ou conservatorios poderán estar sen profesor os seus primeiros días nas aulas.
Moitos destes postos que están sen cubrir son baixas por maternidade ou baixas por enfermidade que se poden alongar no tempo.
Desde a Plataforma de Protesta de Educación denunciamos que a Consellería de Educación non está prevendo un inicio de curso normal, pois os recortes feitos nos centros farán que o profesorado de garda sexa insuficiente para cubrir as aulas e atender ó alumnado mentres non se nomee ó persoal correspondente para cubrir estas necesidades, e que previsiblemente non se cubrirán ata o luns ou o martes da próxima semana.
Este inicio de curso non é o habitual, xa que en anos anteriores se nomeaba a persoal interino ou substituto coa data de inicio do curso para que estas situacións non acontecesen.
Ademais, queremos denunciar que os mencionados recortes feitos pola Consellería de Educación van levar consigo un deterioro considerable da calidade do ensino público, xa que se está a adxudicar prazas a profesorado non especialista, como acontece no caso do funcionarios en prácticas de primaria, que das máis de 200 persoas que aprobaron este ano por esta especialidade, terán que cubrir postos de outras como Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, Música ou idiomas, sen requisito previo de titulación, e só 3 funcionarios en prácticas o farán pola especialidade á que opositaron.
En canto ó ensino secundario, esta política de recortes ten como resultado que tanto funcionarios en prácticas como en expectativa de destino teñan que impartir aulas de unha, dúas ou incluso tres materias afíns ademais da propia, o que conleva unha perda da calidade do ensino polos mesmos motivos que mencionamos anteriormente.
Desde a Plataforma de Protesta da Educación imos levar a cabo unha concentración o día 27 de setembro ás 11,30 diante da Consellería para exixir que se replanteen esta política que só conseguirá mermar a calidade do ensino públíco.

miércoles, 8 de septiembre de 2010

Decisions tomadas na reunión de hoxe

Ben, hoxe eramos poucos, pero con moitas ganas. Aí van os temas que tratamos:
- Creación dunha asociación en nome da plataforma, xa que consideramos que ten máis peso deste xeito que persoa a persoa. Estivemos dacordo con isto. Cando teñamos os estatutos colgaremolos no noso blog.
- Data para a concentración. Aquí queremos opinións de todo o mundo. Ten que decidirse antes do luns, e non podería ser antes do 23, xa que desde a Delegación do Goberno Civil nos din que hai que avisar entre 10 e 15 días antes, mínimo. Para isto necesitamos contar con moita xente, pois se a solicitude vai a nome dunha soa persoa, non a teñen moi en conta e soe vir denegada, e se somos 10-20 persoas as que a solicitamos é moito máis doado de conseguir (especialmente mentres a asociación non estea en marcha).
- Falamos tamén de solicitar unha entrevista co Conselleiro, así como cos representantes de educación dos distintos partidos políticos, e co Valedor do pobo.
-Tamén decidimos enviar o noso manifesto ós centros e un par de follas para a recollida de sinaturas, así como un anuncio da nosa concentración, para conseguir o maior número de apoios.
- O día que se faga a concentración, algún de nós adicarase a repartir unhas cuartillas coa información básica do que reclamamos, e, se podemos, tamén recoller sinaturas nese momento. Unha información básica que debería ir na cuartilla é a dirección da plataforma de recollida de sinaturas.
Se tedes algunha outra idea, facédenola chegar.

jueves, 26 de agosto de 2010

Nota de prensa

Dende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e desde UXT e CSIF acaban de confirmarnos que este ano as listas de interinidades e substitucións que se van a elaborar nestes días, vanse ordenar seguindo un criterio distinto ó de anos anteriores, tendo en conta unicamente a nota obtida na fase de oposicón nos procesos selectivos, cando nestes últimos anos o criterio seguido baseábase na nota global do concurso-oposicón, isto é, tomábase en conta a nota da oposición ponderada e o baremo de méritos ponderado e sumado, e só se tiña en conta a nota da oposición e das distintas partes como criterio de desempate á hora de refacer as listaxes.


Como toda a política que está levando a cabo a actual Consellería, este criterio non foi publicado nin posto en coñecemento dalgún dos sindicatos, polo que poderiamos falar de ocultación e manipulación de datos. Este novo criterio vai en contra do que di o Real Decreto 276/2007, do 23 de febreiro, no artigo 27, que fala da confección das listas, que estipula que se ordenarán conforme á puntuación obtida no procedemento selectivo, o que implica tamén a fase de concurso, e non só a fase de oposición. Tamén fala de criterios de desempate, no artigo 26.2, que di que, no caso de empate, primeiro miraríase a nota da oposición e despois a de concurso, en cada un dos seus apartados e subapartado. Isto tamén se faría coas notas da fase de oposición (en caso de empate en nota, miraríase a nota de cada un dos exercicios).

O Texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias, publicado no DOG do 19 de maio do 2010, fala tamén de cualificación obtida nos procedemento selectivos, polo que se debería incluir tamén a nota do concurso-oposición, e non só a da fase de oposición.

A Addenda do 2010 di na súa modificación ó punto 4 do acordo do 20 de xuño de 1995 que as listas "...ordenarase, para os efectos de prioridade na elección, por especialidades e dentro de cada especialidade por bloques, de acordo co número de exercicios superados; dentro destes bloques, pola puntuación resultantes da fase de oposición, unha vez realizada a ponderación prevista no Real Decreto 276/2007, do 23 de febreiro.", o que implica que deberían ponderar a nota da oposición e do concurso. A mencionada addenda apela á Consellería para argumentar esta repentina decisión, debido a certa ambigüidade na redacción deste punto, e foi asinada e publicada no DOG o 19 de maio do 2010, con posterioridade a publicación da convocatoria das oposicións 2010.

A execución desta medida supón ademáis empregar dúas baras de medir distintas dentro dun mesmo proceso de oposición: un sistema baseado na nota de oposición ponderada máis baremo para acceder a unha praza, e logo un sistema de nota única sen baremo aplicada na lista dos non-aprobados

O resultado deste novo criterio perxudica seriamente á xente que está optando a unha praza da función pública durante o sistema de acceso transitorio que marca a LOE na súa disposición transitoria decimosétima sobre o acceso á función pública docente, e que ten en conta, ademais da experiencia previa, a formación do profesorado, polo que xente con máis formación académica quedará nun posto que probablemente non lle permita o acceso a un posto de traballo durante o vindeiro curso 2010/2011.

Desde a Plataforma de Protesta de Educación queremos amosar o noso desacordo con este novo criterio que perxudica a aqueles opositores cun amplo currículo de formación académica e profesional, en detrimento daqueles que carecen da mesma, e tamén pola actitude desta Consellería á hora da toma de decisións, posto que nos periodos vacacionais, en especial no mes de agosto, é moi difícil contactar co profesorado e organizar unha protesta contra este criterio arbitrario.

Ademais disto, a Consellería segue a menospreciar á CIG, sindicato que ten unha maioría de afiliados na educación, ó non poñer en coñecemento dos seus representantes esta grave modificación, xa que altera notablemente as condicións de acceso a unha substitución ou interinidade no sistema educativo público galego

Ademáis disto, consideramos que os recortes que está levando a cabo esta Consellería perxudican enormemente o sistema educativo galego, pois esta medida forzará a unificación de grupos e a masificación das aulas, poñendo en serio perigo os principios de atención á diversidade establecidos na Orde do 6 de setembro do 2007.



A Plataforma de Protesta de Educación ten un perfil en facebook desde o 12 de agosto, e conta xa con algo máis de 300 amigos. Esta plataforma tamén está levando a cabo unha recollida de sinaturas online para protestar polas medidas e políticas educativas da Consellería de Educacíon e Ordenación Universitaria.

lunes, 16 de agosto de 2010

Enlace para recollida de sinaturas

http://www.ipetitions.com/petition/plataformaprotestaeducacion/

Aquí tedes o enlace para a recollida de sinaturas. Asinádeo e pasádeo!

Novo punto para o manifesto

6. Ademais disto, o problema aumenta en determinadas épocas, cando se deixan de adxudicar vacantes en periodos previos ó Nadal, Semana Santa, Entroido,... podendo quedar o alumnado sen profesorado durante semanas e nalgún caso meses, como xa aconteceu no CIFP Anxel Casal, na Coruña, onde alumnos e alumnas do ciclo de Interpretación de Linguaxe de Signos estiveron varios meses sen profersora. Esa problemática acentuouse máis aínda durante este curso 2009/2010, cando o profesorado en listas contemplaba estupefacto como aparecían e desaparecían vacantes das listas de substitucións, sen seren estas adxudicadas. Todo isto, como xa dixemos, repercute nunha diminución da calidade do ensino.




Este sería un novo punto para engadir ó noso manifesto. Sabemos que este ano houbo varios casos en que as vacantes parecían os ollos do Guadiana... Bueno, esperamos que lle deades o visto bo, e así o mércores, por fin, sacar a folla de sinaturas en pleno funcionamento.

viernes, 13 de agosto de 2010

Manifesto en prol da calidade do ensino e a estabilidade do profesorado

As persoas que promovemos esta chamada queremos manifestar, perante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e como aclaración ante a sociedade galega, o seguinte:




1.O alumnado ten dereito a unha calidade de ensino en todo o ámbito territorial. Os usuarios e usuarias do sistema educativo galego deben disfrutar dun ensino de calidade, impartido por profesores e mestres especialistas na materia que ensinan.

2.A situación actual do sistema educativo galego dista moito de ser así, xa que gran parte do profesorado, tanto funcionarios/as como interinos/as, vése na obriga de escoller materias afíns, das que non son especialistas, para poder acceder a un destino nun centro educativo, o que repercute na diminución da calidade do ensino. Isto acontece tanto na educación primaria, onde a mestres de educación primaria se lles adxudica a especialidade de Pedagoxía Terapéutica, moitas veces sen requisito previo da titulación necesaria, e na educación secundaria, onde, por exemplo, un especialista en música pode ter que dar Educación Física e matemáticas, tamén sen que se lle sexa requerida unha titulación previa para impartir ditas materias.

3.É o alumnado o que resulta perxudicado. É o sistema educativo o que corre perigo, e a comunidade educativa non está sendo debidamente respectada. Neste sentido vivimos unha grande inxustiza, tanto o alumnado como o profesorado, pois vémonos abocados a non poder ofrecer un ensino de calidade, carente de medios e ás veces de espazos, ó ter aumentado o ratio de alumnado por aula nestes últimos anos a 30 alumnos por aula na etapa da educación secundaria obrigatoria, e 25 na educación primaria.

4.Por iso resulta preocupante a taxa de fracaso escolar, xa que esta situación vai levar a un aumento da mesma, dado que o profesorado terá que deixar de lado as medidas de atención á diversidade e ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que se establecen na Orde do 6 de Setembro de 2007 en prol dos contidos mínimos establecidos nos currículos correspondentes de cada materia, ó non haber tempo na aula para levalas a cabo, e ó desapareceren os desdobres.

5.A redución do profesorado levada a cabo por esta Consellería nestes dous últimos anos ten como consecuencia que poida haber funcionarios de carreira ós que non se lles adxudique un centro de destino, polo que estarían gastando os cartos dos contribuíntes que tanto preocupan a este goberno. Pero non só iso, senón que xa ten afectado ó alumnado galego, como aconteceu durante este curso escolar 2009/2010 nas Escolas Oficiais de Idiomas, onde suprimiron as horas completentarias de aprendizaxe dunha lingua, como son a comunicación oral e escrita, e que tanto promociona a Xunta de Galicia co seu decreto de plurilingüismo.

6.O problema desta situación non está tanto na lexislación vixente como na vontade desta Consellería de ofrecer un ensino de calidade e unha estabilidade laboral ó seu persoal, tanto funcionario como interino. O que cómpre é avanzar con cambios legais na dirección da calidade do sistema educativo galego. Xustamente a dirección contraria á proposta pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que pretende reducir e facer recortes en algo tan básico como é a educación.

7.Correspóndelle á comunidade educativa, a través das institucións representativas, definir a política educativa acorde co criterio de calidade no ensino. Esperamos o compromiso das institucións na defensa dun ensino público de calidade e na aplicación de medidas a favor deste e dunha estabilidade laboral do profesorado, funcionario e interino. Nesta labor contarán sempre co noso apoio.

8.Alertamos á sociedade para non se deixar confundir e instámola a pensar sobre a verdadeira situación da educación pública, que todos nós pagamos, en Galicia.

9.Defendemos un dereito universal, como é o dereito á educación, pública de calidade. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga reducir a calidade do ensino público, ou retroceder no camiño andado no sistema educativo galego.